O Concello instala 5 novos depósitos para a reciclaxe de aceite de uso doméstico
Están situados en Loira, Pantín, Porto do Cabo, Sequeiro e Vilarrube
Valdoviño, 15 de marzo de 2022. O Concello de Valdoviño vén de instalar 5 novos puntos de depósito para a reciclaxe de aceite de uso doméstico. Están situados nas inmediacións do local de hostalería As Hedras na parroquia de Sequeiro; na contorna do bar O Suizo en Loira; xunto ao local social de Pantín; no campo da festa de Porto do Cabo e no estacionamento do local social de Vilarrube.
Estas infraestruturas súmanse ás existentes ata o momento nas cooperativas de Lago, Meirás e Vilaboa.
Segundo explicou o concelleiro de Servizos, Benito Vega, o Concello amplía así os medios para que a veciñanza se desfaga do aceite usado, contribuíndo á protección do medio. O Concello optou por un modelo cómodo e limpo, no que non é preciso baleirar o líquido das botellas, senón que os veciños poden introducilas directamente (ata garrafas de 5 litros). A medida ten custe cero para as arcas municipais, xa que a empresa encargada do servizo de recollida de residuos financia os colectores e encárgase da súa xestión. Este pode reutilizarse na fabricación de biodiesel, entre outras aplicacións.