O Concello instala 2 módulos con aseos adaptados na praia de Pantín
Un deles trasladarase ao areal de Vilarrube tralo Pantín Classic
O Concello de Valdoviño vén de instalar na praia de Pantín 2 módulos con aseos para homes, mulleres e adaptados para persoas con diversidade funcional. Unha das infraestruturas permanecerá ao longo do verán no areal e a outra trasladarase a Vilarrube unha vez conclúa o Pantín Classic. A este último emprazamento sumarase tamén unha segunda caseta de socorrismo. Este mobiliario forma parte dun pedido maior que inclúe outros 3 módulos de aseos e outras 3 casetas para o servizo de salvamento.
Todas elas serán subministradas pola empresa local IMAFER, e a súa compra, que o Concello financia cunha achega da Deputación, permitirá evitar o aluguer das casetas que cada ano supoñía cun custe estimado duns 10.000 euros.
Tanto no caso das casetas para socorrismo como no dos aseos, presentan unha estética unificada e unha estrutura metálica e en madeira tratada, material respectuoso e acorde coa contorna natural. As unidades son portátiles, de tal xeito que poden ser trasladadas e reubicadas en función da demanda de cada momento.