O Concello iniciará en outubro os talleres semanais de estimulación cognitiva gratuítos para maiores de 65
O próximo martes 19 de setembro abre preinscricións no programa
Valdoviño, 14 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño avanzou esta mañá que retomará en outubro os talleres de estimulación cognitiva para persoas maiores de 65 anos. Son gratuítos e celebraranse semanalmente en Meirás e Valdoviño. O prazo de preinscrición abrirase o vindeiro martes 19 de setembro, e o trámite poderá realizarse online -a través da sede electrónica na web municipal ata o 30 de setembro- ou presencialmente -na casa da cultura de 10 a 13 h do 19 ao 22 e do 26 ao 29 de setembro-.
Nos talleres, guiados polo técnico Daniel Cartelle, traballarase a memoria, a percepción, a atención, a concentración, a linguaxe e as funcións executivas como a resolución de problemas, razoamento, planificación e control. Os materiais precisos serán aportados polo Concello. As sesións celebraranse os xoves no local social de Meirás (en horario de 9:30 a 10:30 h) e no centro sociocomunitario (de 11:00 a 12:00 h).