O Concello iniciará a vindeira semana o reparto porta a porta de 170 novos composteiros

Coa participación da empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo, a Administración local dará resposta a todas as peticións recibidas

Valdoviño, 15 de abril do 2023. A partir do luns, o Concello de Valdoviño comezará a contactar telefonicamente cos 170 veciños e veciñas que solicitaron a súa adhesión ao programa de compostaxe caseira. Unha chamada coa que concertarán a cita para entregarlles porta a porta os medios para a elaboración de compost nos seus fogares, un composteiro con capacidade para 400 litros. Así mesmo, a previsión é que nesa mesma semana se complete a entrega do 100% dos composteiros, que se suman aos 70 que xa están operativos noutros tantos fogares dende finais do pasado ano, cando arrancaba o proxecto. 

Deses 170 novos composteiros, a empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo, FCC, colaboraba co Concello para financiar, no marco do novo contrato, un centenar deles. Os outros 70, como os 70 entregados, son sufragados cunha axuda económica da Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado cos fondos europeos Next Generation. Deste xeito, o Concello atenderá todas e cada unha das peticións recibidas para adherirse ao programa. 

A través do mesmo, facilítase a transformación dos restos orgánicos que se producen nas vivendas en compost que máis tarde se pode aproveitar como fertilizante para xardíns, hortas e campos de cultivo. Unha práctica que aposta pola reciclaxe, respectuosa co medio, e que tamén permite reducir substancialmente a cantidade de residuos que van parar ao colector verde. 

O programa tamén contempla un seguemento porta a porta do proceso, de modo que os veciños e veciñas participantes poidan contar cun asesoramento persoalizado e tamén resolver posibles dúbidas.