O Concello inicia o proceso selectivo para a contratación temporal de 1 albanel e 4 peóns

As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude a partir deste mércores 16 de abril, e por espazo de 10 días naturais

Valdoviño, 15 de abril do 2025. O Concello de Valdoviño inicia o proceso selectivo para a contratación de 1 albanel (oficial de segunda) e 4 peóns. Coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia no día de hoxe, ábrese o prazo para a presentación de solicitudes por espazo de 10 días naturais que comezarán a contar a partir de mañá mércores 16 de abril. A instancia debe presentarse no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica.

A contratación, de carácter temporal, realizarase por concurso-oposición, e as persoas aspirantes deberán estar en situación de desemprego e inscritos como tal nas oficinas do INEM. Ademais, deberán atoparse nalgunha das situacións de exclusión socio-laboral que figuran nas bases. Entre outras, ser maiores de 45 anos, mulleres, persoas con discapacidade nun grao igual ou superior ao 33% recoñecido, ou persoas desempregadas de longa duración.

A duración do contrato é de 5 meses, a xornada parcial (30 horas semanais), e o horario distribuirase segundo as necesidades e organización dos servizos municipais de luns a domingo.

O Concello de Valdoviño conta co respaldo da Deputación da Coruña para financiar os contratos, tras a concesión dunha axuda de 43.000 euros no marco do Programa de axudas á contratación de persoal para a execución de obras e servizos municipais dos concellos da provincia (PEL- CONCELLOS 2025).

CONVOCATORIA