O Concello inicia o proceso de contratación dunha persoa auxiliar de biblioteca

Coa publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, abre o prazo de presentación de solicitudes por espazo de 5 días hábiles

Valdoviño, 12 de abril de 2024. O Concello de Valdoviño publicaba hoxe no Boletín Oficial de Provincia as bases e convocatoria para a contratación dunha persoa auxiliar de biblioteca, iniciando deste xeito o procedemento e, a partir deste sábado 13 de abril, o prazo de 5 días hábiles para que as persoas interesadas en participar presenten a súa solicitude. Poden facelo no rexistro xeral municipal presencialmente ou a través da sede electrónica. A contratación será por concurso-oposición, cunha duración de 6 meses e xornada parcial. O Concello poderá reforzar o servizo coa incorporación de persoal grazas á liña de axudas do Programa PEL-Concellos, que impulsa da Deputación da Coruña.

As futuras funcións serán: apoiar ao persoal bibliotecario superior nas funcións de carácter técnico, velar polo cumprimento das normas de uso da biblioteca, xestión e mantemento do fondo bibliográfico e documental, ordenación e conservación da colección, atención, orientación e resolución dos servizos de información bibliográfica, xestión dos servizos de acceso aos documentos, consulta e sala de préstamo, vixianza e control das salas de estudo, ou colaborar na relación de recontos e expurgos, entre outras.