O Concello inicia o procedemento de contratación dos 33 socorristas que velarán pola seguridade nas praias
A Administración local investirá uns 130.000 euros no servizo
Valdoviño, 7 de xuño do 2023. O alcalde en funcións, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello de Valdoviño vén de iniciar o proceso de contratación dos 33 socorristas que velarán pola seguridade dos bañistas nas praias durante este verán. A fórmula elixida é a contratación directa daquelas persoas en situación de desemprego derivadas do INEM. Deste xeito, a Administración local cumpre cun dos requisitos establecidos pola Xunta para a concesión das axudas autonómicas coas que rebaixar o investimento que cada ano realiza o Concello. Uns 130.000 euros. Axudas aínda non confirmadas, pero si solicitadas. Así, as persoas que estean interesadas en acceder aos postos deberán estar inscritas nos servizos públicos de emprego, que son os que envían as candidaturas á Administración local.
En todo caso, o rexidor espera evitar os problemas rexistrados nos últimos anos para cubrir os postos. Sen ir máis lonxe, en 2022 foi preciso realizar ata 3 convocatorias, e finalmente o Concello tan só puido formalizar 9 contratacións. Unha situación que se ven dando dende a entrada en vigor da última normativa aprobada pola Xunta de Galicia, e que aumentaba a duración e o custe dos cursos de formación para acceder a un traballo temporal, exercido na maioría dos casos por mozos e mozas que ven a actividade como un complemento aos estudos. Unha normativa que nos últimos meses a Administración autonómica modificaba a petición dos concellos e da propia Fegamp.