O Concello inicia en Lago os traballos de acondicionamento de seis camiños e viais cun investimento conxunto de 120.000 euros

Actuarase tamén nas parroquias de Loira, Pantín, Valdoviño e Vilaboa

Valdoviño, 07 de outubro do 2025. O Concello de Valdoviño iniciaba esta semana as obras de acondicionamento de seis camiños e viais das parroquias de Lago, Loira, Pantín, Valdoviño e Vilaboa cun investimento de 120.993,95 euros. Financiaranse con cargo á primeira fase do POS Complementario da Deputación provincial da Coruña, e correrán por conta da empresa José No Mantiñán.

As intervencións comezaban hai días coa limpeza de cunetas, e no día de onte, as máquinas empezaban a traballar na mellora do firme no camiño da igrexa de Lago. Unha vez conclúan neste punto, continuarán no camiño do Cameleiro, en Valdoviño. Ademais, actuarase tamén en Coto da Pena (Loira), As Trabes (Pantín), e Basteiro e Os Romeos (Vilaboa).