O Concello inicia as obras para a posta en marcha da estación de bombeo da Cubeta, nas que investirá algo máis de 42.000 euros

O alcalde, Alberto González, explica que a actuación permitirá ampliar o servizo de saneamento aos lugares de Fornos e Pallotas, en Meirás

Valdoviño, 16 de setembro do 2024. O Concello de Valdoviño e Naturgy iniciaban a semana pasada as obras na rede eléctrica que permitirán a posta en marcha da estación de bombeo da Cubeta. O alcalde, Alberto González, explicaba que os traballos permitirán dar subministro á estación, poñer a andar as bombas, e así, ampliar o servizo de saneamento aos lugares de Fornos e Pallotas, na parroquia de Meirás. Na intervención, a Administración local investiu algo máis de 42.000 euros.

A actuación xa fora proxectada, orzamentada e adxudicada polo Concello na pasada lexislatura, pero ata que Naturgy autorizou e levou a cabo a repotenciación do tendido na zona, as obras por parte da Administración local tiveron que esperar.

Durante este tempo, Viaqua recepcionaba as solicitudes de conexión ao servizo, e aqueles e aquelas veciñas que non fixeran o trámite poden presentar a petición ante a empresa concesionaria do servizo de augas.