O Concello inicia as obras de mellora da accesibilidade e seguridade peonil na estrada de acceso á praia do Rodo, en Pantín

O alcalde, Alberto González, explica que se actuará ao longo dun quilómetro cun investimento superior aos 127.000 euros

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá do inicio das obras de mellora da estrada de acceso á praia do Rodo, en Pantín. Unha intervención na que o Concello investirá 127.082,89 euros a financiar con cargo aos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019) da Deputación provincial da Coruña. 

A intervención no acceso ao Ariño conta cun prazo estimado de execución de 4 meses e, con ela, búscase mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil nun vial onde o escaso ancho da estrada actual (entre 4 e 3,20 metros) e a alta intensidade de tráfico que rexistra durante o verán, así como a densidade poboacional da zona, supoñen un perigo para os viandantes. 

A estrada ten unha lonxitude total dalgo máis dun quilómetro e, tanto no tramo dos 100 metros finais coma nos primeiros 550 metros, carece de beiravías. O proxecto dotará á zona dun acceso peonil seguro de 1,30 metros de ancho ao longo dos 1.040 metros do vial, executado en soleira de formigón, con reforzo e regularización da calzada que será pavimentada, previo rebacheo, con aglomerado en quente de 6 cm de espesor. Para elo será necesario o retranqueo de tres postes de alumeado público e a reconstrución das interseccións con outros camiños pavimentados. Así mesmo, a actuación contempla a canalización das augas pluviais. 

Por último, as obras completaranse coa substitución do alumeado público actual por un novo sistema de luminarias LED de 40 w, que melloran a eficiencia enerxética e lumínica, e o pintado das liñas, bordos e pasos do vial.