O Concello inicia as obras da mellora da rede de saneamento en Lago cun investimento de 66.000 euros
Estase a actuar nas estacións de bombeo dos lugares de Freires e Mosende, para eliminar os verquidos, e ampliarase o servizo de saneamento en Mourente
O Concello vén de iniciar as obras de mellora da rede de saneamento na parroquia de Lago, con actuacións nas estacións de bombeo de augas residuais existentes nos lugares de Freires e Mosende, e un tramo da rede de conexión en Mourente. Así mesmo, a intervención en Mosende permitirá ampliar o servizo ás vivendas sitas na parroquia de Sequeiro e avanzar na cobertura da rede en Pazos. Nas obras o Concello está a investir máis de 66.000 euros con cargo ao Plan de Obras e Servizos+ 2020 da Deputación.
Ao longo das últimas décadas foron executándose redes de saneamento nos lugares de Freires e Mosende que permitisen a recollida e posterior tratamento das augas residuais xeradas nestes lugares. Debido a condicionantes como a topografía do territorio e a situación da EDAR, estas redes levan asociadas pozos de bombeo para a recollida e impulsión das augas ata a estación. Así, tanto en Freires como en Mosende, as súas redes confórmanse de tal xeito que os caudais transcorren por gravidade ata chegar ao punto de menor cota onde se ubican os bombeos de augas residuais denominados EBAR Freires e EBAR Mosende.
Nesta liña, téñense detectado problemas no estado xeral das instalacións, que derivan na inoperatividade do sistema e a consecuente produción de verquidos, o que esixe dunha actuación urxente que garantice o correcto funcionamento da instalación. A intervención a realizar en Mosende permitirá tamén estender o servizo de saneamento ás vivendas sitas na parroquia de Sequeiro.
Ademais, na mesma parroquia de Lago, no lugar de Pazos (Mourente), dado o crecemento poboacional, plantéase a primeira fase do saneamento, coa conexión á rede xeral.
Deste xeito, a intervención contempla actuacións nas estacións de bombeo, nas que se procederá á substitución dos equipos, xa que a falta de mantenemento e estado de deterioro dos actuais desaconsellan a súa reparación. Así mesmo, procederase á adaptación e actualización dos cadros xerais de mando e protección e á posta en marcha do sistema. Na rede asociada a Mosende, por mor da detección de verquidos, inspeccionarase con medios adecuados e intervirase en 10 pozos de rexistro que presentan deficiencias. Na rede de saneamento en Pazos (Mourente) procederase á instalación da fase 1 de conexión coa rede xeral que discurre pola AC566 e darase servizo inicial ao lugar.