O Concello inicia a demolición do Siroco

O alcalde, Alberto González, avanza o arranque dos traballos, que se centrarán nestes primeiros días na retirada da cuberta

Valdoviño, 31 de maio de 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informaba hoxe do inicio das obras de demolición do antigo bar Siroco, na praia da Frouxeira. Uns traballos que arrancaban esta mañá coa sinalización e delimitación da zona de intervención e o desmontaxe de diferentes elementos do inmoble. Tarefas que se centrarán estes primeiros días na retirada da cuberta, con planchas de uralita que é preciso levar a cabo con especial precaución pola presenza de amianto. Supón así o inicio do fin dun edificio abandoado dende hai anos, situado en primeira liña de praia, e que se atopa nun avanzado estado de deterioro -sen fiestras na parte superior, cos accesos e ventás do baixo tapiadas, con pintadas, gretas…-. Un edificio que degrada a imaxe do areal. Tras a súa desaparición, o Concello incorporará a parcela na que se asenta ao sistema xeral viario, mellorando a conexión peonil entre as dúas vías que conflúen na zona. 

O derribo iníciase así tras un longo proceso administrativo impulsado polo goberno local que, en agosto de 2021, aprobaba inicialmente o expediente de expropiación urbanística. A continuación pasaba a fase de información pública e, tras a súa aprobación definitiva, o Concello facíase coa propiedade co pago de 17.604,73 euros, cifra resultante da valoración técnica. 

A tramitación previa completábase coa redacción do proxecto de demolición e a licitación da actuación. Así mesmo, e unha vez conclúa o derribo, a intención do Concello, segundo explica o alcalde, é aproveitar a parcela para mellorar a conexión peonil entre as dúas estradas que conclúen neste punto, conectando as beirarrúas de Aldea A Lagoa e da estrada da praia. Unha medida que permitirá optimizar a seguridade viaria na contorna do areal, cun intenso fluxo de vehículo durante o verán.