O Concello inicia a colocación de pictogramas para facilitar a identificación de espazos e servizos municipais por parte das persoas con TEA

Valdoviño entregará os pictogramas entre o comercio e a hostalería que desexe sumarse ao proxecto, e os negocios tan só deberán recollelos na casa consistorial, de luns a venres de 9 a 14 horas
Valdoviño, 25 de maio do 2023. O Concello de Valdoviño iniciaba esta semana a colocación de pictogramas nos edificios, instalacións e espazos municipais para facilitar a súa identificación ás persoas con TEA (Transtorno do Espectro Autista). Un pequeno xesto que pode supoñer unha mellora moi significativa para a súa comprensión e comunicación. A iniciativa nace de Vanesa Díaz, veciña de Ferrol e nai de Quim, un neno de 9 anos con TEA. Foi diagnosticado con 8, tras 6 anos de visita en visita a centros médicos privados e públicos na procura de respostas que non chegaban. Nese momento, Vanesa comezou a incorporar os pictogramas ao seu día a día, traballando rutinas, a orientación espacial e temporal, a anticipación… e tan bo resultado deu, que decidiu imprimilos, plastificalos e colocalos no triángulo que conformaban a súa farmacia, o ultramarinos e a clínica veterinaria do seu barrio. A satisfacción e alegría do seu fillo ao ver esas imaxes levouna a iniciar o seu reparto polos establecementos de toda a zona. Compartir eses repartos nas redes sociais, e lograr a atención dos medios de comunicación, fixo que moitos negocios e administracións se interesasen e unisen ao proxecto. Entre elas, o Concello de Valdoviño.
Ao principio, imprimía e plastificaba os pictogramas e repartíaos. Agora, a demanda é tal, que os facilita a través das súas redes sociais, e teñen chegado ata Sevilla, Tenerife ou Barcelona.
Valdoviño comeza agora a súa colocación, e fai un chamamento ao comercio e hostalería locais para sumarse. Para isto, facilitará gratuítamente os pictogramas, que poderán recoller na propia casa consistorial -1º planta-. Un reparto que arranca dende hoxe mesmo, de luns a venres de 9 a 14 h.