O Concello incorpora un segundo vehículo patrulla para o día a día da Policía Local

A Administración local investiu algo máis de 40.000 euros no contrato

Valdoviño, 16 de xullo do 2025. O Concello de Valdoviño renova a flota de vehículos policiais incorporando un segundo vehículo patrulla. A administración local sacaba a concurso o contrato, adxudicado por 40.199,83 euros, e que se financia con fondos propios.

O incendio intencionado rexistrado no baixo da Porta do Sol que serve de aparcadoiro para o parque móbil municipal provocou danos irreparables no segundo vehículo da Policía Local. Toda a plantilla utilizaba dende entón un único vehículo para labores administrativas, de seguridade cidadá, controis e calquera outra que se lle encomende. Ao longo do tempo, isto orixinou un evidente desgaste agravado pola antigüidade do turismo, que provocaba continuas avarías e traslados ao taller para a súa reparación.

Coa adquisición darase resposta á situación, e tamén, ampliaranse os medios para garantir a prestación do servizo. Entre outras melloras, o vehículo, que esta mañá recepcionaba o alcalde, Alberto González, incorpora un equipo DESA para responder ante posibles casos de parada cardiaca.