O Concello incorpora á súa plantilla tres auxiliares de Policía Local que permitirán cubrir os turnos de mañá e tarde os 7 días
Prestarán os seus servizos durante seis meses, reforzando o traballo policial, especialmente de cara á tempada estival
Valdoviño, 13 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño reforza a plantilla da Policía Local coa incorporación de tres auxiliares, que prestarán servizo durante os próximos seis meses. A súa contratación permitiu ampliar os turnos que prestan os cinco axentes municipais, e contar agora con servizos de mañá e tarde os sete días da semana. O Concello reforza así o servizo, especialmente coa vista posta nos meses de verán, cando Valdoviño aumenta moi significativamente a poboación coa chegada de turistas.
Entre as súas funcións está a custodia e vixiancia de bens, servizos e instalacións municipais, así como o auxilio e colaboración cos funcionarios do Corpo da Policía Local e demáis Forzas e Corpos de Seguridade.
Os novos contratos sufráganse con fondos municipais, aínda que a Administración local confía en obter financiamento autonómico, a través da petición de axuda presentada ao Fondo de Compensación Ambiental.
