O Concello incorpora 3 novos socorristas ao servizo de salvamento nas praias
Amplía así o persoal ata os 24 profesionais nos areais
Valdoviño, 17 de xullo do 2025. O Concello de Valdoviño vén de incorporar 3 novos socorristas ao servizo de salvamento nas praias da Frouxeira, Pantín, O Río (Meirás) e O Baleo (Pantín), co que son a día de hoxe 24 os profesionais contratados. Segundo avanzaba o concelleiro de Planificación, Sergio Saavedra, o Concello non desiste do seu empeño por ampliar o número de efectivos ata os 33 que lle permitirían dar cobertura a todas as praias, e tras unha nova convocatoria a través do INEM, lograba estas 3 novas incorporacións. Os procesos seguirán abertos, explorando novas vías como a contratación directa.
Para o servizo, que se presta do 1 de xullo ao 31 de agosto (e ata o 7 de setembro en Frouxeira), a Administración local reserva unha partida económica de 137.000 euros.
