O Concello inaugura na Casa da Cultura a exposición itinerante Valdoviño Mar

Pode visitarse ata o 10 de outubro de luns a domingo

Valdoviño, 30 de setembro de 2021. A Casa da Cultura estrea exposición. Dende xa, e ata o vindeiro 10 de outubro, acolle a mostra Valdoviño Mar, integrada por unha serie de paneis móbiles cos que se busca divulgar, a través do texto e da imaxe, así como pezas sonoras, a relación e vinculación do territorio co mar, coa paisaxe do seu litoral costeiro e coa fauna e flora da súa costa. ¿Horarios de visita? De luns a xoves de 11 a 14 h, e de xoves a domingo de 11 a 14 e de 17 a 19 h.

Estes paneis amosan así imaxes do litoral de Valdoviño e da súa paisaxe, e información sobre os elementos naturais que conforman a súa costa, o seu valor e as sorpresas que nel se gardan, a adaptación de todos os habitantes ao entorno costeiro, o traballo das mariscadoras e dos percebeiros da zona e as súas condicións de traballo.

Acompáñanse de códigos QR para poder escoitar as historias de vida que narra a xente de Valdoviño, como mariscadoras e percebeiros, que abordan os problemas que viven cada día, os riscos e perigos…

A exposición é itinerante, e a partir do 11 de outubro, e ata finais dese mes, trasladarase ao CPI Atios.

O PROXECTO

Valdoviño Mar é un proxecto subvencionado cunha axuda do GALP A Mariña- Ortegal, Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). No seu seo, téñense executado outras accións, como obradoiros de sensibilización con escolares do CPI Atios, que tiveron a oportunidade de achegarse aos sistemas artesanais de extracción de bivalvos (sacho, fouciño, anciño, etc.), coñecendo as cunchas da coquina, ameixa fina, ostra rizada, berberecho, ou outras como o pepino de mar ou longueirón vello. Unha acción coa que tamén coñeceron en primeira persoa o traballo dos percebeiros de Meirás e das mariscadoras de Vilarrube.

Tamén baixo a xestión deste proxecto leváronse a cabo varias rutas interpretativas sobre a riqueza litoral, que tiveron lugar en xullo e agosto con gran éxito de público, e para as que se esgotaron rapidamente as prazas, dado o interese amosado por un público maioritariamente local.