O Concello inaugura este venres a programación cultural de xuño coa obra “O mel non caduca” de Ibuprofeno Teatro

A función terá lugar ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura

Valdoviño, 30 de maio de 2022. O Concello de Valdoviño inaugura este venres 3 de xuño a programación cultural do mes con Ibuprofeno Teatro e a súa última obra, «O mel non caduca». A función terá lugar a partir das 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre ata completar aforo. Dirixida a un público adulto, a obra está dirixida por Santiago Cortegoso, e interpretada por Avelino González e Marián Bañobre. 

Trátase dun espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas. Un espectáculo cunha sorprendente dimensión plástica e sonora, creado a partir do universo das abellas e do mel.