O Concello inaugura a programación cultural de xullo co concerto de Attic na praia de Pantín
Celebrarase este xoves ás 19:30 h, unha vez rematen as probas do día do Campionato de España de Surfing que se disputa na fábrica das ondas
Valdoviño, 30 de xuño do 2026. O Concello de Valdoviño convida a veciños e visitantes a asistir este xoves 2 de xullo a un concerto moi especial na praia de Pantín. Coincidindo coa celebración do Campionato de España de Surfing, a fábrica das ondas converterase no escenario privilexiado para o concerto de Attic, proxecto musical que integran a solista Eva Tenreiro e o guitarrista Jose Pérez. Comezará sobre as 19:30 horas, na contorna da caseta de socorrismo, e unha vez rematen as probas do día na competición. Inaugúrase así a programación cultural deseñada pola Concellería de Cultura para este mes de xullo.
Cunha traxectoria amplamente consolidada, Attic destaca pola súa capacidade para crear atmosferas íntimas, cálidas e cheas de complicidade co público. O seu repertorio viaxa a través de clásicos de sempre e temas actuais, transformados baixo o filtro que caracteriza á banda.
Para esta ocasión en Valdoviño, o dúo promete un percorrido emocional onde a calidade vocal e os arranxos acústicos serán os grandes protagonistas. Unha oportunidade perfecta para gozar da música en vivo nun formato próximo e elegante nunha contorna única.
