O Concello impulsará o proxecto Redes, de prevención do uso perxudicial de Internet e redes sociais entre a infancia e a mocidade

O Concello impulsará o proxecto Redes, de prevención do uso perxudicial de Internet e redes sociais entre a infancia e a mocidade

Valdoviño, 6 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño impulsará ao longo do mes de maio o proxecto “Redes”, de prevención do uso perxudicial de Internet e redes sociais entre a infancia e a mocidade. As sesións levaranse a cabo no CPI Atios, tal e como avanzaba esta mañá a concelleira de Servizos Sociais e Xuventude, Rosana García, e o calendario arrincará o próximo luns día 11. Neste sentido, agradeceu a colaboración tanto do centro como da ANPA Beiramar para poder levar a cabo o programa, dirixido a alumnos e alumnas dende 5º de Primaria ata 4º da ESO.

As sesións adaptaranse así ás diferentes idades, provocando a reflexión sobre as redes sociais e videoxogos, especialmente, así como sobre o seu impacto na atención, concentración e comportamento. Nas aulas, traballaranse riscos e realidades como avatares ocultos, uso do tempo, datos persoais, sexting, grooming, ciberacoso, pornografía en liña e xogo online. Tamén se facilitará información científica e se favorecerá a reflexión crítica para fomentar decisións saudables no entorno dixital.

Este programa súmase ao proxecto “Medrando entre pantallas”, dirixido neste caso ás familias, e que dará comezo este mesmo xoves no centro sociocomunitario.

 

As dúas accións contan con financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.