O Concello iluminarase de rosa e azul no Día da Concienciación da Morte Xestacional e Perinatal
Sumarase este venres á iniciativa da Asociación Bolboretas no Ceo Norte
Valdoviño, 14 de outubro de 2021. A casa consistorial de Valdoviño iluminarase este venres, Día Internacional da Concienciación da Morte Xestacional e Perinatal, coas cores rosa e azul. Sumarase así á iniciativa da Asociación Bolboretas no Ceo Norte, coa que se quere dar visibilidade a este dó tan traumático que sofren moitas familias, axudando a reducir o tabú social e creando empatía nas institucións e no resto da sociedade.
Segundo a asociación, con sede en Narón, as taxas de mortalidade perinatal e xestacional indican que é moito máis frecuente do que se cre, xa que a tendencia é a ocultalo por unha sensación de vergoña e falta de comprensión. Na actualidade, sitúase en torno aos 5,7 falecidos por cada mil nacementos vivos, e en España estímase que se producen ao redor de 2.000 casos ao ano. Dende Bolboretas no Ceo Norte ofrécese apoio e asesoramento ás familias que pasan por esta situación.