O Concello identificará as 47 colonias felinas autorizadas e protexidas en Valdoviño coa instalación de sinalización
A medida inclúese no proxecto CER de Captura, Esterilización e Retorno
Valdoviño, 3 de abril do 2025. O Concello de Valdoviño instalará sinalización para facilitar a identificación das colonias felinas autorizadas e protexidas. Así se acordou na xuntanza que esta semana mantiña o concelleiro de Servizos, Benito Vega, coa veciña voluntaria Iria Saavedra, integrante da protectora Cometa e unha das principais valedoras da iniciativa no noso municipio, e máis María Santalla, veciña voluntaria no proxecto. Deste xeito, búscase concienciar á cidadanía sobre a necesidade de coidar e protexer a estes felinos, evitando casos de maltrato e mellorando a convivencia.
O programa de control de gatos ferales botaba a andar hai 2 anos en Valdoviño, e a día de hoxe, están rexistradas 47 colonias que xestionan veciños e veciñas voluntarias de acordo ao proxecto CER (Captura, Esterilización e Retorno), que persigue o fin último de evitar a súa reprodución incontrolada. Ademais, e en virtude do acordo coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, cada mes lévanse a cabo esterilizacións e atencións veterinarias nas instalacións de Mougá, aínda que por cuestións orzamentarias a cifra é mellorable, e buscaranse alternativas para incrementala.
Na reunión, incidiuse na necesidade de mellorar a información á veciñanza, recalcando a prohibición, baixo sanción, de alimentar, molestar ou danar aos gatos de colonia. Tamén de apelar á colaboración cidadá para coidar, controlar e esterilizar a estes felinos, xa que deste xeito contribúese a eliminar molestias de maullidos, marcaxes, pelexas e cheiros desagradables; mellorar a súa saúde e calidade de vida, ou minimizar o impacto dos gatos ferales na fauna autóctona.
