O Concello habilita un ximnasio municipal nas instalacións do pavillón O Longoiro
A partir deste martes, os veciños e veciñas interesadas en facer uso del, poderán solicitalo no rexistro municipal ou a través da sede electrónica
Valdoviño, 22 de setembro do 2025. O Concello de Valdoviño habilita un ximnasio nas instalacións do pavillón municipal O Longoiro, en Meirás. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba esta mañá que a partir de mañá martes abrirase o prazo de solicitude para o seu uso por parte da veciñanza, coa idea de iniciar a súa actividade no mes de outubro. Explicaba que o apoio da Administración autonómica ao proxecto permitiu a adquisición de parte do equipamento dispoñible, a través da concesión dunha subvención próxima aos 10.000 euros. Así, dispón xa de maquinaria de uso básico, e o Concello tamén ofrecerá asesoramento personalizado a aqueles veciños e veciñas que o soliciten, facilitándolles táboas de exercicios adaptadas á súa condición física e obxectivos.
A petición de uso deberá realizarse presencialmente no rexistro da casa consistorial ou a través da sede electrónica, indicando os horarios elixidos entre os seguintes:
-Grupo 1. Martes e xoves de 18:00 a 19:00
-Grupo 2. Martes e xoves de 19:00 a 20:00
-Grupo 3. Martes e xoves de 20:00 a 21:00
-Grupo 4. Martes e xoves de 21:00 a 22:00
-Grupo 5: Martes e xoves de 10:00 a 11:00
-Grupo 6: Martes e xoves de 11:00 a 12:00
-Grupo 7. Luns, mércores e venres de 18:00 a 19:00
-Grupo 8. Luns, mércores e venres de 19:00 a 20:00
-Grupo 9. Luns, mércores e venres de 20:00 a 21:00
-Grupo 10. Luns, mércores e venres de 21:00 a 22:00
Segundo ordenanza, o custe será de 16 euros ao mes no caso de elixir unha opción de 2 horas semanais, e de 24, se son 3 horas á semana. O aforo máximo será de 7 persoas por grupo. Poderán utilizalo veciños e veciñas maiores de 16 anos -e os menores de idade terán que contar con autorización do pai, nai ou titor legal-, con preferencia para as persoas empadroadas en Valdoviño.
