O Concello habilita un servizo especial de atención á veciñanza en relacións ás notificacións para a xestión da biomasa nas faixas secundarias

A partir deste xoves, refórzase o persoal para informar sobre o proceso

Valdoviño, 23 de outubro do 2024. A partir de mañá xoves, 24 de outubro, o Concello de Valdoviño pon en marcha un servizo de información e asesoramento aos veciños e veciñas en relación ás notificacións que está a enviar a empresa SEAGA tras a inspección das máis de 6.500 parcelas afectadas no municipio polas faixas secundarias. Ofrecerase na casa consistorial, en horario de 9:00 a 13:00 h, sen necesidade de cita previa. O servizo, de carácter temporal, tentará reforzar o traballo que están a realizar os funcionarios municipais. E é que, dende que SEAGA comezou a notificar as obrigas de limpeza, roza e reitrada de especies arbóreas das parcelas para cumprir coa Lei de Prevención de Incendios, as consultas na casa consistorial foron constantes, requerindo unha adicación practicamente exclusiva dos traballadores municipais a este respecto.

Ademais de ofrecer información e solventar dúbidas, o persoal axudará á veciñanza a cubrir o documento de alegacións se fose necesario para continuar co procedemento.

Nas últimas semanas, SEAGA levaba a cabo a inspección do estado da xestión da biomasa nas faixas secundarias nun total de 6.650 parcelas en Valdoviño. Eses traballos de revisión constataron que unhas 2.500 fincas non cumpren coas obrigas marcadas pola normativa autonómica, polo que os seus propietarios están a recibir as correspondentes notificacións da sociedade pública galega para que realicen os traballos de limpeza, roza e retirada de especies arbóreas non permitidas na faixa de 50 metros perimetral ao solo urbano e núcleos rurais.

Ademais, o Boletín Oficial de Provincia publicaba unha relación dunhas 2.000 parcelas de titulares descoñecidos que tamén incumpren a normativa (https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/10/11/2024_0000007065.html). Unha relación que incluía o número de expediente, localización e referencia catastral da finca.

Tamén, a Xunta pon a disposición unha ferramenta online, un visor de faixas secundarias, para consultar a afectación das parcelas: https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/

CONVENIO DE COLABORACIÓN

Os labores de inspección por parte da empresa pública responden ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e SEAGA en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. O Concello de Valdoviño adheríase ao acorde despois de aprobar o seu primeiro Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais.

Recordar que, independentemente deste trámite que se está levando a cabo,  a obrigatoriedade que teñen as persoas responsables de xestionar a biomasa vexetal nas parcelas afectadas antes de rematar o mes de maio de cada ano.