O Concello habilita un servizo de atención para axudar á veciñanza nos trámites a realizar coa entrada en vigor da nova numeración

Prestarase os martes e xoves na casa consistorial de 9 a 15 horas

Valdoviño, 22 de marzo de 2022. O Concello de Valdoviño habilita un novo servizo de atención para axudar a veciños e veciñas nos trámites que deben realizar trala entrada en vigor da primeira numeración oficial do municipio. Ofrecerase na casa consistorial -planta baixa-, os martes e xoves en horario de 9 a 15 horas, e estará operativo a partir deste martes, 22 de marzo. 

Nos últimos meses, e en colaboración con Correos, o Concello de Valdoviño remitía unha carta ás persoas empadroadas na localidade cunha serie de indicacións sobre os trámites a realizar, así como o volante de empadronamento necesario para xestionar moitos deles. Co novo servizo, preténdese axudar a aquelas persoas que teñen dificultades ou dúbidas sobre o proceso. 

Entre outros trámites, é preciso actualizar documentación oficial como o DNI, o carné de conducir, o domicilio fiscal ou os datos en bancos e entidades financieras e empresas subministradoras de servizos -operadores móbiles ou compañías eléctricas-. 

Coa aprobación da numeración oficial, o Concello busca dar seguridade legal e erradicar problemas que se producían de sempre como no servizo de correos ou envíos a domicilios.