O Concello habilita un aparcadoiro disuasorio en Ferrerías e desbroza o sendeiro que conecta coa praia de Vilarrube

En paralelo, a Demarcación de Costas redacta o proxecto para transformar o camiño en senda peatonal

Valdoviño, 11 de xaneiro de 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, e os concelleiros de Obras e Servizos, Benito Vega e Germán Gómez, realizaron esta semana unha visita de fin de obra ao novo aparcadoiro disuasorio habilitado polo Concello en Ferrerías, no tramo da estrada vella, hoxe sen apenas uso e de titularidade municipal. A intervención complementouse coas tarefas de limpeza e desbroce do sendeiro que, dende este punto, conecta co areal de Vilarrube. 

O Concello contou coa colaboración da Xunta de Galicia para levar a cabo os traballos de asfaltado do vial e sinalización vertical e horizontal das 16 prazas de estacionamento. Así, Turismo de Galicia concedeu unha subvención de 30.000 euros para o proxecto presentado. 

Así mesmo, a intervención completarase, segundo confirmou o rexidor, coa transformación do sendeiro recentemente desbrozado nunha senda peonil que conectará esta zona co estacionamento sito a pé de areal, a uns 10 minutos a pé. Un proxecto hoxe en redacción por parte da Demarcación de Costas, administración competente na zona, e coa que o Concello leva meses traballando nesta intervención.