O Concello habilita en Vilarrube o primeiro sendeiro equipado da localidade, seguindo o curso do río Ferrerías
Presentará este itinerario único a través dunha ruta guiada o vindeiro 6 de decembro, de balde e con prazas limitadas
Valdoviño, 18 de novembro do 2025. O Concello de Valdoviño vén de habilitar en Vilarrube o primeiro sendeiro equipado da localidade, e o vindeiro 6 de decembro ás 10:00 horas organizará unha ruta guiada para dalo a coñecer entre veciños e visitantes. Parte do aparcadoiro da praia de Vilarrube, discorre en paralelo ao curso do río Ferrerías, e conclúe nas inmediacións do encoro das Forcadas. Nos últimos meses, o Concello encargaba á firma Portal Norte os traballos de acondicionamento da senda, dende o deseño da ruta ata o desbroce de maleza, ademais de equipar algúns puntos con cables e grapas para facilitar o paso. Ao longo de 5 quilómetros poderemos descubrir unha zona virxe e salvaxe, con flora de ribeira autóctona e saltos de auga realmente incribles. De dificultade media-alta, o tempo estimado para completar a ruta, que guiará a propia empresa Portal Norte, será de 4 horas. Ademais, o regreso diminuirá en dificultade, xa que se realizará por pistas de terra ata o punto de saída. Con participación gratuíta e prazas limitadas, a reserva pode realizarse a través do whatsapp 648 877 780.
En caso de menores de idade, deberán ir acompañados dunha persoa adulta. Tamén é obrigatorio levar calzado de montaña con bo agarre, roupa adecuada, impermeable, luvas e auga. Iso si, en caso de que o tempo non acompañe aplazaríase, e buscaríase unha data máis adaptada.
O alcalde, Alberto González, animaba á veciñanza a coñecer unha ruta única que, sen dúbida, contribuirá a dar a coñecer a contorna natural de Vilarrube, reforzando o seu atractivo turístico.
