O Concello firma a adquisición dos terreos que albergarán os depósitos para o abastecemento de auga a Pantín e Vilarrube

Este paso vai en paralelo a instalación da rede que executa a Consellería de Infraestruturas no marco das obras de mellora da AC-566

Valdoviño, 3 de decembro de 2021. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, vén de asinar o documento de adquisición dos terreos nos que se instalarán os depósitos que permitirán canalizar o abastecemento de auga á parroquia de Pantín e, nunha segunda fase, a Vilarrube. A parcela sitúase no lugar de Domondó, e na súa compra a Administración local investiu 3.000 euros. 

Deste xeito, o Concello e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúan dando pasos adiante para dotar deste servizo básico á zona. Alberto González lembra que a consellería, a través de Augas de Galicia, adxudicaba en 2020 a redacción do proxecto constructivo da obra de abastecemento a Pantín cun orzamento de 16.844 euros. Un documento no que se analizaron as alternativas de trazado para a canalización. De aí, a consellería incorporou a opción elixida ás obras de acondicionamento da estrada a Cedeira (AC566), instalando xa as conducións na zona de intervención. O Concello tamén contemplou esta actuación nas obras de acondicionamento da estrada de baixada ao Ariño. 

O seguinte paso a dar será a redacción dun segundo proxecto construtivo no que se recolla a continuación da infraestrutura cara Vilarrube e, finalmente, a licitación das obras da estación de bombeo que dé servizo ás 2 parroquias.