O Concello facilita o préstamo de produtos de apoio a persoas dependentes ou con discapacidade
Trala entrada en vigor do regulamento, veciños e veciñas poden solicitar xa o catálogo de produtos técnicos municipais nos Servizos Sociais
Valdoviño, 11 de maio do 2023. Coa entrada en vigor do regulamento aprobado polo Concello de Valdoviño, veciños e veciñas poden dende xa solicitar o préstamo de produtos de apoio a persoas dependentes ou con discapacidade. Un servizo complementario ao de axuda no fogar, que busca favorecer a súa permanencia no seu domicilio.
Neste momento, o catálogo de produtos técnicos municipais inclúe dúas camas articuladas con varandas de suxeición, dous colchóns viscoelásticos e dúas grúas de mobilidade de ata 150 kg. Todo recentemente adquirido. Non obstante, contémplase xa a súa ampliación.
Poden pedilos a través do departamento municipal de Servizos Sociais veciños e veciñas en situación de dependencia e/ou discapacidade recoñecida ou aqueles que teñan presentado a solicitude de valoración e presenten necesidades de asistencia ou coidados por parte doutras persoas. Ademais, deben estar empadroados e ter residencia efectiva en Valdoviño cunha antigüidade mínima de 6 meses. Tamén se avaliará a capacidade económica. Así, no caso de persoas que vivan soas os ingresos mensuais non poderán superar o 150% do Salario Mínimo Interprofesional. Porcentaxe que se incrementará, de forma progresiva, en unidades de convivencia máis amplas.
Terán prioridade na concesión os usuarios e usuarios do servizo de axuda no fogar; persoas que o precisen de xeito temporal, debido a postoperatorios ou por accidentes ou similares; persoas con enfermidades crónicas que teñan recoñecido un grao de dependencia, segundo graos; persoas con pronóstico vital de gravidade e menores de idade con dependencia e/ou discapacidade que teñan afectada a súa mobilidade.
Comentarios