O Concello facilita as prácticas non laborais a seis estudantes de programación informática

Completarán en Valdoviño a acción formativa en virtude dun convenio de colaboración asinado co centro formador, o London Institute

Valdoviño, 28 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño convértese de novo en centro de formación para seis alumnos e alumnas do curso Programación en Linguaxes Estruturadas que imparte a academia London Institute de Ferrol. O alcalde, Alberto González, daba onte á benvida aos estudantes que, baixo a supervisión do docente Óscar Gómez, completarán na casa consistorial a acción formativa. Chegan a Valdoviño tras superar 638 horas de formación teórica, ás que sumarán, ata o 17 de xuño, outras 80 horas que lles darán o acceso directo ao título e, por tanto, ao certificado de profesionalidade. Trátase dun curso con boas expectativas no mercado de traballo e, de feito, ata 4 alumnos e alumnas xa atoparon a súa saída laboral mesmo antes de chegar a estas prácticas.

No Concello, e tal como avanzaba o concelleiro de Planificación, Sergio Saavedra, centrarán a súa actividade en desenvolver ferramentas informáticas coas que optimizar os procesos de participación veciñal, e máis concretamente, facilitar as inscricións en actividades e programacións deportivas.

As prácticas son posible en virtude dun convenio de colaboración entre o Concello de Valdoviño e a academia da cidade naval.