O Concello facilita as prácticas a tres alumnos de ciclos de Formación Profesional
Volve converterse en centro de formación en virtude dos acordos subscritos co CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, Universidade Laboral e Leixa
Valdoviño, 11 de marzo do 2026. O Concello de Valdoviño volve converterse en centro de formación en virtude dos convenios de colaboración subscritos nas últimas semanas polo alcalde, Alberto González, co CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, CIFP Universidade Laboral e CIFP Leixa. Así, alumnado destes centros completarán nos próximos meses as súas prácticas non laborais no departamento municipal de Deportes e na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia.
Nas últimas xornadas, o Concello daba a benvida a Adrián Montero, estudante do ciclo Técnico Superior en Ensinanza e Animación Sociodeportiva (CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro) e Hugo Calvo, alumno do ciclo Técnico en Guía no Medio Natural e Tempo Libre (CIFP Universidade Laboral), que completarán 500 horas de prácticas necesarias para a obtención dos seus respectivos títulos. E ata o 2 de xuño tamén realizará a súa formación práctica Laura Santos, neste caso alumna do ciclo de Educación Infantil en Leixa.
