O Concello facilita a formación para a obtención do carné de conducir a veciños e veciñas desempregadas en situación de vulnerabilidade

Trata de mellorar as oportunidades laborais para a súa inserción laboral

Valdoviño, 18 de xullo do 2025. O Concello de Valdoviño facilita a formación necesaria para a obtención do carné de conducir a veciños e veciñas en situación de desemprego e vulnerabilidade social. Esta acción ten por obxectivo ampliar as súas oportunidades de inserción laboral, despois de que o departamento municipal de Servizos Sociais constatase que a carencia deste permiso supón en moitos casos un obstáculo insalvable para acceder a un posto de traballo.

O alcalde, Alberto González, explicaba esta mañá que se trata da primeira acción do Programa municipal Mellora, de Formación e Mellora da Empregabilidade no marco dos Servizos Sociais, e avanzaba que ao longo dos próximos meses contemplará a posta en marcha de novas iniciativas centradas na alfabetización dixital, ofimática avanzada ou as habilidades brancas e atención ao cliente. Conta cun orzamento próximo aos 15.000 euros, que o Concello cofinancia con cargo ao POS+Adicional.

Nesta primeira acción formativa participan oito veciños e veciñas, que están a recibir clases teóricas de 3 horas 2 días á semana en materia de formación vial. Estas sesións, que imparte persoal de autoescola, completaranse coas prácticas unha vez superen o correspondente exame.

As accións están dirixidas a persoas usuarias dos Servizos Sociais Comunitarios, empadroadas en Valdoviño, en situación de desemprego e receptoras de axudas estatais, autonómicas ou municipais nos últimos dous anos, ademais de pertencer a unha unidade familiar sen ingresos económicos ou por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, entre outros requisitos.