O Concello executa os traballos de renovación do chan da escola unitaria de Lago
A empresa local Fercarpi encárgase das tarefas
Valdoviño, 24 de agosto do 2026. O Concello de Valdoviño levará a cabo a renovación do chan da escola unitaria de Lago. A empresa local Fercarpi, con sede en Loira, estase a encargar dos traballos, que iniciaba hai uns días. Precisamente, a concelleira de Educación, Rosana García, explicaba que a intervención se inclúe nos traballos de mantenemento que o Concello planifica todos os anos nos centros educativos do municipio nas semanas previas ao arranque do curso, ao tratarse de periodos non lectivos, que evitan interferir no dia a día dos coles.
Nesta ocasión, estase a substituír o chan, moi deteriorado, e estase a colocar tarima de alta resistencia, adecuada ao futuro uso.
No marco destas intervencións nos centros educativos, nos dous últimos anos, o Concello concentraba os investimentos no CPI Atios. Así, en 2025 destinaba preto de 10.000 euros ao pintado de aulas, colocación de novo chan, substitución de elementos no parque infantil e obras de mellora de illamento na entrada de acceso do alumnado de Infantil. En 2024, o Concello executaba tamén no CPI Atios obras no aseo de Infantil coa renovación do chan e do sistema de iluminación, o alicatado do espazo, e a instalación de seis novos aseos adaptados ás idades dos futuros usuarios e usuarias, doutros seis lavabos con dipensador de xabón, e a dotación dun lavadoiro, ademais de traballos de fontanería. En todos os casos, as actuacións correron por conta de empresas da localidade.
