O Concello executa as obras para dotar dunha nova aula ao CPI Atios e gañar máis metros nas clases da segunda planta

Colabora así co centro educativo para facilitar a adaptación aos protocolos de prevención fronte á COVID-19

O alcalde, Alberto González, realizou esta semana unha visita de supervisión ás obras que o Concello está a levar a cabo no CPI Atios para contribuir a facilitar a adaptación das instalacións aos protocolos de prevención fronte á COVID-19. Obras que xurden das reunións que goberno municipal e dirección do centro levan mantendo ao longo das últimas semanas coa vista posta no inicio do curso escolar.

 

Así as cousas, as intervencións contemplan habilitar unha nova aula na segunda planta. Estase a acondicionar como clase a que ata o momento era a sala de profesores, gañando espazo de cara a garantir as distancias de seguridade indicadas pola Xunta de Galicia. Na mesma planta, o Concello está a retirar das aulas os vellos armarios empotrados, moi deteriorados, tamén para sumar metros cadrados e favorecer a separación entre o alumnado. Unha medida xa realizada en anos anteriores na planta baixa e primeira. Por último, as actuacións complétanse co pintado tanto das clases como das zonas comúns.

 

Nas vindeiras xornadas, o Concello dará a coñecer as medidas nas que traballa para facilitar a mobilidade na zona e os plans respecto ao estacionamento.

 

Así mesmo, a dirección do centro vén de publicar na súa páxina web (http://www.edu.xunta.gal/centros/cpiatios/) o plan de adaptación sobre o inicio e desenvolvemento do curso 2020/2021; o plan de acollida coas normas de organización e funcionamento, e o plan de continxencia, coas actuacións en caso de abrocho ou suspensión de actividades. Normas baseadas nos protocolos establecidos pola Consellería de Educación e susceptibles de modificacións futuras.