O Concello estudará a implantación de medidas de apoio ás familias numerosas
O alcalde, Alberto González, mantivo unha reunión de traballo con AGAFAN, que asesorará á Administración local na materia
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente e vicepresidente de AGAFAN, Luis Sánchez e José Manuel Trigo, para avanzar na implementación de medidas que atendan ás necesidades e apoien a mellora da calidade de vida das familias numerosas do municipio. Na xuntanza, tamén participaron as concelleiras de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez, e Cultura, Rosana García. Esas medidas centraríanse especialmente no ámbito fiscal, para o que será necesario abordar cambios normativos. De aí que o Concello se comprometese a elaborar un estudo de viabilidade das propostas, nas que recibirá asesoramento por parte da propia entidade.
Así, os representantes municipal acolleron positivamente as propostas de AGAFAN para aplicar bonificacións en tasas e prezos públicos como o IBI, lixo, auga ou saneamento, tendo en conta á hora do cálculo a renda per cápita -número de integrantes da unidade familiar- en lugar da renda familiar. Un criterio que reflicte máis fielmente a economía dos fogares. Outras medidas propostas atinxen ao ámbito da mobilidade e pasan por reservar prazas de aparcamento próximas a centros de saúde e edificios administrativos, tanto para embarazadas como para familias numerosas. De igual xeito, valorarase a posibilidade de realizar un estudo dos servizos municipais de cara a ter en conta o concello como un destino turístico familiar.
Neste sentido, o alcalde agradeceu a colaboración e asesoramento da asociación para a implantación de este tipo de medidas de apoio a familias numerosas que, no caso do municipio, ascenden a 43 -das que 41 son de categoría xeral (con 3 e 4 fillos/as) e outras 2, de categoría especial (5 ou máis)-.