O Concello estrea este xoves a programación cultural de verán cunha sesión de cine para toda a familia na alameda do local social de Sequeiro

O público poderá asistir ao pase do filme de animación “Unha familia de superheroes” a partir das 22:30 horas

Valdoviño, 1 de xullo do 2025. O Concello de Valdoviño inaugura a programación cultural de xullo con todo un clásico do verán, o cine nocturno ao aire libre. A Concellería de Cultura volve apostar polos escenarios alternativos ao auditorio para as súas propostas de verán, e levará a sesión a Sequeiro. Así, este xoves, ás 22:30 horas, converterá a pequena alameda anexa ao local social da parroquia nunha improvisada sala de cine para acoller a proxección do filme de animación «Unha familia de superheroes».

A cinta, dirixida polo cineasta noruego Rasmus A. Siversten, aborda en clave de comedia temas de máxima actualidade como o xeito en que os nenos e nenas afrontan as altas expectativas das súas familias e entorno, a presión que exercen as redes sociais e o ideal de perfección que impoñen, ou o uso excesivo de teléfonos, tablets e outros dispositivos dixitais. Para iso, a película narra as aventuras de Hedvig, unha nena de 11 anos filla de Súper León, o superheroe local, do que deberá herdar a súa misión cando sexa maior, aínda que por cuestións alleas á súa vontade, a tarefa lle será encomendada antes do previsto.