O Concello entrega á familia da pequena Emma 100 kgs de tapóns aportados pola veciñanza
A remesa servirá para colaborar na recadación de fondos para os coidados da nena, afectada de síndrome de Angelman
Valdoviño, 5 de decembro do 2022. A veciñanza de Valdoviño colaborará na recadación de fondos para financiar os custosos tratamentos e coidados da pequena Emma, unha nena de 3 anos natural de Pontedeume afectada do síndrome de Angelman. Unha enfermidade rara de carácter xenético. Esa axuda materializouse esta mañá, coa entrega á súa familia de 100 kgs de tapóns de plástico depositados pola veciñanza de Valdoviño no punto EcoSolidario -situado nas inmediacións do parque da Frouxeira-. O concelleiro de Servizos, Benito Vega, e o xefe de Protección Civil, Francisco Dopico, xunto a outros voluntarios, transportaban ata Pontedeume a remesa, que recepcionaban no almacén cedido polo concello eumés Fina, avoa de Emma, e Alicia, a madriña da nena. Uns tapóns que se sumarán á campaña de recollida que está a realizar Cristina Cancio, a nai, xunto coa súa familia.
Ademais, Benito Vega lembrou que todo aquel que desexe sumarse pode facelo entregando tapóns e outro tipo de envases plásticos como botes de champús, deterxentes ou cremas, os martes e xoves de 10 a 12 h na nave, situada no peirao de Pontedeume.
O Concello instalaba o pasado ano o punto de depósito de tapóns usados, unha creación artística do Ferreiro de Valdoviño para favorecer a súa reciclaxe, e sobre todo, contribuír coa súa recollida a causas de carácter social. Así, os primeiros depósitos retirados destináronse ao proxecto «Alba, la promesa» que impulsa ASPANEMI -Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía-, e agora continuarase con esta nova iniciativa.