O Concello entra na piscifactoría de Meirás con autorización xudicial para avaliar os danos e executar subsidiariamente as obras

Despois de que o administrador concursal negase a execución dos traballos alegando falta de capacidade económica, a Administración local tentará darlle resposta con fondos públicos e reclamar posteriormente o pago

O Concello de Valdoviño entraba esta mañá nas instalacións da piscifactoría de Meirás tras obter unha autorización do administrador concursal. O concelleiro de Obras, Benito Vega, acompañaba aos técnicos municipais e á Policía Local nesta primeira visita de inspección coa que o Concello quere avaliar os danos derivados do abandono das instalacións e elaborar un informe de actuacións a realizar para, principalmente, garantir a seguridade.

A finais de 2019, a firma entraba en concurso de acreedores e abandonaba as instalacións, aínda cunha autorización de explotación hoxe en día en vigor por parte da Xunta -e válida ata 2027-. Co paso do tempo, o deterioro foise agravando, especialmente por roubos e accións vandálicas, que remataron por converter as instalacións nunha zona perigosa. Pola súa banda, o Concello requería ao administrador concursal para que puxese remedio coas intervencións necesarias, pero este alegaba a falta de capacidade económica para acometelas. 

Neste contexto, o Concello solicitaba ao administrador xudicial o acceso ás instalacións, que finalmente chegaba hai uns días, para avaliar a situación e, en base ao informe que elaborará, executar as obras subsidiariamente. Con ese obxectivo, e á vista de que se recurrirá a fondos públicos, o Concello solicitará aos xulgados a calificación de crédito imprescindible para as intervencións, de modo que se poida recuperar nun futuro o gasto con cargo á empresa e situarse como un dos primeiros na lista de acreedores.