O Concello encomenda á Deputación a contratación e execución das obras da senda ciclista e peonil entre a lagoa da Frouxeira e Meirás
O itinerario, de 8 quilómetros, financiarase con cargo aos fondos Next Generation, cun investimento cercano aos 400.000 euros
Valdoviño, 8 de xaneiro do 2025. O Concello de Valdoviño delegará na Deputación da Coruña a contratación e execución das obras de construción da senda ciclista e peonil que conectará a lagoa da Frouxeira co campo de fútbol de Meirás, a través da AC116 ao seu paso por Lago. Así o acordaba a corporación na primeira sesión plenaria do ano. A proposta do executivo que dirixe Alberto González saía adiante cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP, aprobándose así a encomenda a favor da Deputación, que promove o proxecto a instancias do Concello. Na intervención investiranse 377.248,91 euros procedentes dos fondos Next Generation. Concretamente, no marco da liña de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000).
A senda estenderase ao longo de 8 quilómetros, en 3 tramos diferenciados. O primeiro discorrerá entre o estacionamento da praia e o camiño de terra que bordea a lagoa. Neste treito, crearase unha plataforma única e habilitaranse 2 carrís bici -dobre dirección- e un terceiro carril para corredores. Mantense a beirarrúa e o paseo de lousa para os peóns, e gáñase espazo para estes reducindo o ancho da calzada e establecendo un único sentido de circulación para vehículos. No segundo tramo, xa na AC116, en Lago, e ata a estrada de acceso ao faro, en Meirás, colocaranse elementos de madeira ao longo da vía para separar a senda do resto da calzada. E no terceiro treito, que se adentra na estrada de acceso a Punta Frouxeira e conclúe no campo de fútbol de Meirás, a senda irá protexida por separadores de caucho. Nalgúns puntos ampliarase o ancho da estrada con terreos de propiedade municipal e tamén da cooperativa de Meirás, previa cesión. Pola contra, entre Regueiro e a unitaria de Taraza será necesario interromper a senda ante a imposibilidade de ampliar o ancho da vía sen afectar a propiedades privadas. Tanto no tramo 2 como 3, a senda será de uso compartido entre peóns e ciclistas.