O Concello elaborará o calendario municipal do 2022 con imaxes das paisaxes que remita a veciñanza
A Concellería de Cultura volve a apostar pola participación veciñal para o deseño do almanaque, coa filosofía de edicións pasadas: espazos de Valdoviño comparables con outros lugares do mundo
Valdoviño, 8 de novembro de 2021. Queres que unha fotografía túa apareza no calendario do 2022 que editará o Concello de Valdoviño? Se estás interesado/a participa enviando unha ou varias imaxes ata o 22 de novembro ás 14 h ao correo web@concellodevaldovino.com ou a través do formulario deste enlace.
Seguindo a idea que guiou o calendario en edicións pasadas, a fotografía terá que ser dun lugar do municipio de Valdoviño que poida ser comparable con outro lugar do mundo, polo que se deberá especificar o lugar onde se tomou a fotografía e aquel outro co que se compara. Dende o Concello tamén se quere facer constar que, no caso de aparecer persoas nas imaxes, debe acompañarse do seu consentimento expreso para o seu uso; que non se aceptarán traballos con contidos contrarios á legalidade vixente, e que as fotografías presentadas quedarán en posesión do Concello, de tal modo que poida utilizalas e reproducilas por calquera medio sempre citando á persoa autora.
A finais de novembro, o Concello porase en contacto coas persoas autoras das imaxes elixidas e en decembro realizarase a presentación do calendario nun acto público a celebrar no auditorio da Casa da Cultura.