O Concello destinará preto de 200.000 euros do POS+ ao acondicionamento de 18 camiños en Valdoviño, Lago, Meirás, Sequeiro e Vilarrube
A corporación deu luz verde aos investimentos dos plans provinciais
Valdoviño, 2 de febreiro de 2024. O Concello financiará con cargo ao POS+ 2024 o arranxo de 18 camiños nas parroquias de Valdoviño, Lago, Meirás, Sequeiro e Vilarrube. Investirá 189.808,43 euros nas intervencións, o grosso dos fondos provinciais deste programa. O mesmo destino, o acondicionamento de viais, terán as axudas do POS Complementario. Neste caso, as intervencións realizaríanse noutras 13 vías de Lago, Loira, Meirás, Pantín, Valdoviño e Vilaboa. En todo caso, unha vez aprobados os proxectos, o Concello non renuncia a buscar vías de financiación alternativas para estes últimos para materializalos canto antes.
Uns e outros foron aprobados onte á tarde na sesión plenaria ordinaria cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP. No caso das obras do POS+ actuarase ao longo de máis de 8.200 metros lineais de vías e camiños en diferentes tramos das parroquias de:
Valdoviño
Travesía da Ponte
Rúa Poeta Xerardo O Inglés
Tramo pendente Rúa Boeiro (ata a Travesía da Praia)
Rúa Xunqueira (dende a AC566 ata a Rúa Boeiro)
Rúa Atios
Tramo inicial Rúa Pintor José Leyra Domínguez
Tramo final Rúa Frouxeira
Avenida Couce Casas -entre O Pereiro e a Ladeira ata o cruce coa AC566-
Travesía do Poulo
Travesía da Carreira
Lago
Broño
Carreira
Soutovello
Meirás
Taraza
Padín
Campón
Sequeiro
Vial da igrexa de Sequeiro (dende o establecemento Mamá Piana ata a igrexa)
Vilarrube
Porto do Cabo (vial en zona de Porto de Arriba)
Unha vez reciban o visto bo da Deputación, a tramitación continuará coa licitación das intervencións de modo que as actuacións poidan estar rematadas no presente ano.
Doutra banda, os proxectos aprobados para a súa presentación ao POS Adicional da Deputación esténdense a viais nos seguintes lugares e parroquias: Lavacerido, Montefaro, O Amedo, Cooperativa de Meirás, Riobó e Carreira (todas elas na parroquia de Meirás); Coto da Pena (en Loira); As Trabes (Pantín); Cameleiro (Valdoviño); O Basteiro e Os Romeos (Vilaboa).