O Concello destinará o POS+Adicional Social a programas de atención ás persoas máis vulnerables, persoal e axuda a domicilio
Os fondos provinciais tamén permitirán ampliar o catálogo de axudas técnicas coa adquisición dunha grúa e dunha cama articulada
Valdoviño, 9 de xaneiro do 2026. O primeiro pleno do ano celebrado onte á tarde daba luz verde ao destino dos fondos que recibirá o Concello de Valdoviño no marco do POS+Adicional 1/2026 que promove a Deputación da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. O municipio ten asignados 80.147,72 euros, que irán dirixidos a sufragar programas municipais como o Plan Mellora de formación para o emprego, o servizo de atención xurídica e o servizo de atención psicolóxica que ofrece gratuítamente o Concello de Valdoviño, nos dous casos para veciños e veciñas derivados dos Servizos Sociais Municipais.
A partida tamén permitirá minimizar a aportación que realiza a Administración local ao Servizo de Axuda a Domicilio, unha competencia que non é municipal pero que tamén sostén economicamente, así como cofinanciar o persoal do departamento de Servizos Sociais, neste caso unha persoa administrativa.
Finalmente, o Concello reserva unha partida duns 3.600 euros para investimentos. Neste caso, a ampliación das axudas técnicas dispoñibles en alugueiro para persoas dependentes mediante a adquisición dunha grúa e dunha cama articulada, e equipos informáticos.
