O Concello destinará 340.379,35 euros do POS+ 2025 ao acondicionamento de camiños
O pleno dá luz verde á proposta do executivo que dirixe Alberto González
Valdoviño, 3 de febreiro do 2025. A corporación municipal de Valdoviño aprobou o destino dos fondos do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2025. Era o único punto da orde do día do pleno extraordinario celebrado esta mañá, e o acordo adoptouse cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP. A Achega provincial para este ano repartirase practicamente a partes iguais entre investimentos e gasto corrente. No primeiro caso, para o acondicionamento de viais en Lago, Meirás e Sequeiro. En total, 340.379,35 euros. No segundo capítulo resérvase unha partida de 330.368,19 euros.
Máis ao detalle, os fondos permitirán mellorar a mobilidade e seguridade vial na estrada de Taraza, no tramo que discorre entre a glorieta da AC-116 (contorna do establecemento hosteleiro Casa Marino) e o cruce con Campo García. En total, algo máis de 1,6 km. O proxecto tamén inclúe o acondicionamento de 2 estradas municipais en Lago, na zona de Outeiro, e en Sequeiro, no vial de conexión entre a estrada provincial e a AC-566 (vial que une as parroquias de Sequeiro e Meirás).
Ademais, o Concello tamén contempla outras intervencións con cargo ao POS Complementario -programa que se irá dotando de orzamento cos fondos resultantes das baixas dos procesos de contratación ou aportación de remanentes-. Entre eles, a finalización das obras dos vestiarios do campo de fútbol de Mourente, cun orzamento de 264.902,12 euros; a reparación de viais en Avenida Couce Casas, Pazos, Seixidal, Lago, A Bedoxa, Lavacerido, Pintor José Domínguez Leyra, Pintor Imeldo Corral (236.513,97 euros); de camiños en Marnela, San Xiao, Fremil, Frádigas, As Trabes, Pantín, Porto do Cabo, Braxe, Lameira, Pallotas e A Pedreira (178.456,81 euros), e obras de saneamento e abastecemento, así como acondicionamento dun vial en Lago (91.951,57 euros).