O Concello demanda de novo á Xunta a implantación dun instituto con FP en Valdoviño

A corporación aprobaba onte cos votos de PSOE e BNG unha moción solicitando á Xunta que incorpore os fondos ao proxecto de orzamentos

Valdoviño, 7 de novembro do 2025. O Concello aprobaba onte á tarde unha moción solicitando á Xunta de Galicia que incorpore ao proxecto de orzamentos para o 2026 os fondos necesarios para dotar a Valdoviño dun Instituto de Educación Secundaria cunha oferta de FP básica. A moción socialista saía adiante cos votos do grupo de goberno e do BNG, e en contra do Partido Popular. Os populares rexeitaban a iniciativa sinalando o seu desacordo con outros puntos recollidos na proposta: pedir á Xunta que dote de máis recursos o Fondo de Cooperación Local que reciben os concellos para asumir as competencias impropias, e aumentar en 500 millóns os fondos para garantir a prestación de servizos públicos no rural equiparando dereitos respecto á zona urbana.

En maio deste ano, a corporación municipal aprobaba unha moción similar solicitando á Xunta a implantación do instituto. A reclamación, que o Concello de Valdoviño considera unha débeda histórica co municipio, non se recolle no documento de orzamentos autonómicos, polo que os socialistas levaron a pleno a reivindicación de modo que a Xunta rectifique e incorpore a partida no periodo de alegacións no que nos atopamos. Para o alcalde, Alberto González, hoxe en día, “o desenvolvemento de Valdoviño está na educación e pasa por lograr a implantación do instituto”. Unha demanda de toda a comunidade educativa e da sociedade valdoviñesa no seu conxunto.

MOCIÓN SOBRE O LIXO

Doutra banda, a corporación rexeitaba a moción presentada polo grupo municipal do PP sobre o imposto ao verquido e a incineración cos votos en contra de PSOE e BNG e a favor dos propoñentes. Neste sentido, o alcalde, Alberto González, explicaba que en Valdoviño o incremento do canon imposto por Sogama non repercutirá nos veciños e veciñas, xa que non se aumentará este ano o recibo do lixo. Será así pola adaptación das novas frecuencias de recollida ás tasas realizada coa entrada en vigor do novo contrato. Tamén, ao acollerse ao canon reducido, e sobre todo, pola maior concienciación social en materia de reciclaxe, que favorece a redución de custes do servizo.

VIOLENCIA DE XÉNERO

Finalmente, e no apartado de mocións, a corporación aprobaba cos votos de PSOE e BNG o texto presentado polos nacionalistas en relación á loita contra a violencia de xénero e a protección ás vítimas. No mesmo, acordouse instar á Xunta a atender as recomendacións e deficiencias sinaladas polo Consello de Contas no seu informe de fiscalización das actuacións para a prevención integral da violencia de xénero na Comunidade no periodo comprendido entre 2018 e 2022, e singularmente, pautar o incremento de persoal, de orzamento destinado a prevención e sensibilización, a planificación dos procesos de contratación e subvencións con publicidade e concorrencia, e a aprobación dun plan estratéxico específico para a loita contra a violencia machista. Así mesmo, solicítase da Administración autonómica que reinternalice no sistema público os centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e blinde a prestación deste servizo con cadros de persoal suficientes para garantir a atención presencial, así como que aprobe para a súa posta en marcha en 2026 unha axuda periódica específica para vítimas de violencia sexual.

Ademais, a corporación asumía como súa a Declaración institucional da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Texto que o Concello subirá á páxina web nos vindeiros días. Nesta liña, o alcalde poñía en valor a incorporación do Concello de Valdoviño ao sistema VioGen para a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero, e agradecía moi especialmente a implicación de todos e cada un dos axentes da Policía Local, que participarán activamente nos protocolos.