O Concello de Valdoviño volverá sacar a contratación as obras da terceira e última fase do centro sociocomunitario por 1,3 millóns
O pleno da corporación aprobaba unha modificación dos pregos para flexibilizar os criterios técnicos, adaptándoos ás especificacións que rixen as contratacións da Deputación da Coruña
Valdoviño, 5 de agosto do 2024. O Concello de Valdoviño volverá sacar a contratación as obras da terceira e última fase do centro sociocomunitario. Un trámite que o pasado xoves aprobaba a corporación en pleno tras quedar deserto o último concurso. Nesta ocasión, o equipo de goberno propón un cambio nos criterios técnicos que rexerán o novo proceso, adaptándoos ás especificacións que guían as licitacións da Deputación da Coruña neste contrato, valorado en 1,3 millóns de euros. O orzamento xa fora revisado á alza no seu día, incrementándose en máis de 300.00 euros, para adaptar os números á nova realidade económica.
Agora, con esas modificacións, o Concello busca concluír un longo proceso iniciado xa en 2018 coa contratación da primeira fase do proxecto. Neste tempo, as obras permitiron a rehabilitación do antigo mercado para a súa conversión no actual centro sociocomunitario -tras unha segunda fase de intervención-. Coa actuación pendente, ampliaríase a superficie do inmoble en máis de 400 metros cadrados, que se habilitarían, entre outros usos, como centro de día, aulas de formación e espazos para o movemento asociativo.
Con este obxectivo, e tras o seu paso por pleno, a Administración local sacará de novo a licitación o contrato.