O Concello de Valdoviño traslada á Xunta as súas propostas ao primeiro documento de medidas incluídas no Pacto de Estado por Ferrol

O alcalde, Alberto González, participou no encontro de rexidores celebrado onte co conselleiro de Economía, Francisco Conde, onde avanzou algunhas das iniciativas contempladas no documento elaborado polo Concello

Tras analizar o primeiro documento presentado pola Xunta coas medidas incluídas no Pacto de Estado por Ferrol, o Concello de Valdoviño trasladaba onte as súas primeiras valoracións e medidas. Facíao no marco do encontro celebrado entre o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e os alcaldes das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, entre eles o de Valdoviño, Alberto González. Trala súa intervención, o conselleiro comprometeu que o Pacto non só se centrará nas grandes actuacións, senón que se converterá nun auténtico plan de desenvolvemento para as tres comarcas.

Entre as medidas defendidas por Valdoviño, Alberto González subliñou que este primeiro documento do Pacto xa remarca a zona de As Boeiras como chan industrial, tal e como solicitaba o Concello, e o que permitiría o asentamento de novas empresas. Así mesmo, contempla, nas políticas de diversificación, a posta en marcha do centro de alto rendemento do surf no que traballa o Concello de Valdoviño dende hai tempo en colaboración coa Federación Española de Surfing e Federación Galega de Surf. Un proxecto para o que xa contamos cos terreos ao pé da Frouxeira, e o apoio e interese da Secretaría Xeral de Deporte da Xunta.

Ademais, e conscientes de que o turismo é e debe continuar sendo unha das fortalezas do territorio, o Concello de Valdoviño reivindica o apoio da Xunta para a declaración de Xeoparque do Cabo Ortegal por parte da UNESCO, unha figura análoga á de Patrimonio da Humanidade, pero que a diferencia desta implica directamente o desenvolvemento local do territorio. Tamén o respaldo autonómico para a consecución dun plan de sostenibilidade turística en destino. Así mesmo, Alberto González reclamou tamén un impulso decidido do Camiño a San Andrés, que contemple a redacción dun plan de actuación no núcleo de Porto do Cabo por parte do Instituto de Estudos do Territorio.

A construción dun IES que inclúa un FP básico é outra das demandas trasladadas polo Concello, así como a mellora e ampliación dos centros de atención primaria, no capítulo sanitario, que no caso de Valdoviño requeriría a atención de urxencias médicas e a atención sanitaria polas tardes, favorecendo a conciliación. Sen abandoar o ámbito social, Valdoviño tamén defende a ampliación dos centros sociocomunitarios, como o local, aumentando a capacidade e servizos, así como a transformación do Punto de Atención á Infancia nunha Escola Infantil, abrindo a porta ao aumento de prazas.