O Concello de Valdoviño tramita a licenza de actividade para a apertura dun centro de día na Porta do Sol

Contará con 19 prazas ampliables para maiores dependentes en grao I e II, e o centro xa recepciona CV para a selección de persoal
Valdoviño, 10 de maio do 2023. O alcalde, Alberto González, xunto á concelleira de Servizos Sociais, Pilar Caamaño, e traballadores do departamento de Urbanismo e de Servizos Sociais, mantiveron unha xuntanza de traballo con Irene del Pozo, promotora dun centro de día no municipio. Na mesma, esta emprendedora con ampla experiencia no sector, traballadora do servizo de axuda a domicilio e en diferentes centros residenciais da comarca, avanzoulles as liñas mestras do proxecto, para o que xa solicitou licenza de actividade e está a tramitar autorizacións da Xunta.
Ubicarase na Porta do Sol, número 11, antigo emprazamento de Pabulandia. Unhas instalacións adicadas ata hai pouco a zona de xogos infantil, que apenas precisan obra, xa que teñen garantida a accesibilidade e o espazo que se precisa. Ofrecerá 19 prazas, ampliables ata 26 en función da demanda, para persoas dependentes de grao I e II e deterioro cognitivo en fase leve. Así mesmo, o persoal estará integrado por xerocultores e terapeuta ocupacional, e ademais do servizo de atención, ofreceranse outros complementarios como xantares -con cátering-, perruquería, podoloxía ou fisioterapia -a demanda, iso si-. Os horarios adaptaranse ás necesidades das familias, para facilitar o necesario respiro familiar e tamén a conciliación para persoas coidadoras con obrigas laborais.
Irene explica que tivo clara a elección de Valdoviño cando atopou estas instalacións, e sobre todo, porque busca dar un servizo de calidade ás persoas do rural, polo que estuda ofertar tamén transporte adaptado ao centro. Avanza xa o nome do seu futuro centro, «Queridos Abuelos», así como que está no proceso de búsqueda de persoal, que lle gustaría fose de Valdoviño, polo que recepciona xa CV a través do correo queridosabuelos.centrodia@gmail.com (iso si, é preciso contar co certificado de Atención Sociosanitaria en Institucións ou Auxiliar de Clínica, e empatía cara os maiores, un dos requisitos imprescindibles).