O Concello de Valdoviño súmase á campaña “Agresión off: eu digo non á violencia de xénero”
Alumnado da ESO do Atios participa no programa, co que sensibilizar e concienciar sobre a importancia de rachar coas condutas violentas
Valdoviño, 19 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño súmase á campaña «Agresión off: eu digo non á violencia de xénero», e esta mañá convidaba ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do CPI Atios a participar nas diferentes actividades propostas. Todas, cun obxectivo, informar sobre a violencia de xénero para poder así previla, detectala e combatela. O proxecto está promovido pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, no marco do acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp).
A través desta campaña preténdese sensibilizar e concienciar sobre a importancia de rachar coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións persoais como sociais. Así, faise especial fincapé na xente moza, para evidenciar as diferentes formas do machismo e como detectalo no día a día. Ademais, promóvense modelos de relación afectivo-sexuais baseados no respecto e a tolerancia, coa finalidade de erradicar os prexuízos baseados nos roles de xénero.
