O Concello de Valdoviño suma 1.100 altas no servizo de recollida do lixo

O Concello iniciaba o proceso de regularización ao constatar que o servizo non se adaptaba ás necesidades actuais

O Concello de Valdoviño vén de dar de alta de oficio un total de 1.074 inmobles no padrón do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos. Inmobles que ata hoxe recibían o servizo sen abonalo. Unha cifra que podería medrar nos próximos meses, xa que o Concello detectou que outros 365 inmobles se atopan nesta situación, aínda que non foi posible entregarlles aos seus propietarios a notificación do proceso de regularización, co que o seguinte paso será a súa publicación en boletín oficial. 

Este proceso de regularización nace no marco da redacción dos pliegos do novo contrato do servizo de recollida do lixo que prevé licitar o Concello. O obxectivo era dimensionar o servizo ás necesidades actuais, xa que se observaba insuficiente para atender as demandas veciñais. Compróbase entón que 1.871 inmobles aos que se presta o servizo non figuran no padrón do mesmo, e iníciase o proceso de regularización. Notifícase a situación aos propietarios e, tras pecharse o prazo de alegacións, constátase que 1.074 inmobles se atopaban nesta situación irregular; outros 432 abonaban o servizo pero tíñase dado un cambio de titularidade na propiedade, e finalmente, 365 non foi posible notificarlles o proceso. 

Esas preto de 1.100 altas de oficio suporán uns ingresos anuais para o Concello duns 80.000 euros e, sobre todo, teranse en conta á hora de planificar o servizo no marco do novo contrato.