O Concello de Valdoviño saca a licitación obras en pistas e camiños por máis de 217.000 euros
Actuarase nun total de 20 viais, situados en todas as parroquias
Valdoviño, 14 de novembro do 2022. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras de mellora de 20 camiños e pistas repartidos por todas as parroquias do municipio. Investirá no seu conxunto 217.770,52 euros que financiará con cargo aos plans provinciais, e contarán cun prazo de execución estimado de 5 meses.
As intervencións levaranse a cabo nos seguintes puntos: Viansil (parroquia de Lago); Latoal e Lousada (Loira); Taraza e Tuimil (Meirás); Xavariz, Moreira e Cadaval (Pantín); A Bedoxa, Preitela e Monetes (Sequeiro); Boeiro, O Muíño, Aviño e rúa Imeldo Corral (Valdoviño); A Vispeira (Vilaboa), e Vilela, Pena, Ermida de Liñeiro e Vilarrube (Vilarrube).
As obras contemplan o rebacheo dos puntos máis deteriorados e o acondicionamento mediante regos asfálticos, agás no caso da rúa Imeldo Corral, na trama urbana, que se realizará con formigón bituminoso, ademais dos traballos de sinaléctica.
Actualmente, os traballos están en fase de licitación, e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 22 de novembro, así como acceder á documentación na plataforma de contratación do sector público.